segunda-feira, 5 de agosto de 2013

O eterno retorno

Dende que teño memoria, periodicamente repítense en Galicia as catástrofes non naturais, seguidas de declaracións de personalidades de todas as latitudes manifestando a súa solidariedade co pobo galego e congratulándose polo admirable e heroico comportamento de civís e profesionais. O afundimento do Casón, do Polycommander, do Urquiola, do Andros Patria, do Mar Exeo, do Prestige, a terrible praga dos incendios..., e agora o descarrilamento do Alvia tinguen de negro o noso país literal e metaforicamente.

Pasados os primeiros días de estupor, mentres os directamente afectados intentan superar a dor, comeza sempre o mesmo proceso, unhas veces antes outras veces despois, pero sempre igual: a acumulación de "eu non fun" de todos os responsables políticos e técnicos que, por suposto, despois de varios anos de xuízos, conseguirán saír indemnes do lance; a persecución mediática e xudicial do que non ten os medios económicos para defenderse: o capitán do barco, o maquinista...; o despregamento de orgullo patrio de autoridades e cronistas pola valentía e solidariedade do pobo galego habitualmente menosprezado por esas mesmas autoridades e cronistas; a promesa dos dirixentes autonómicos e estatais de que o suceso non vai volver repetirse... Y así ata a seguinte catástrofe na que todo volverá empezar. Unicamente se todo cambiase deixarían de producirse traxedias nesta castigada terra.

Porque se os xuíces repartisen xustamente as responsabilidades, os que teñen que vixiar para que estas cousas non acontezan estarían verdadeiramente alerta.

Porque se as autoridades e cronistas mantivesen ese despregamento de orgullo patrio o resto do ano, preocuparíanse de que a nosa non fose a comunidade máis atrasada de España en infraestruturas e non recortarían en persoal e medios de seguridade e salvamento.


Porque se o pobo galego mostrase a súa valentía e solidariedade na vida cotiá, levantaríase como un só contra os caciques e corruptos que destrúen o noso medio, que esnaquizan a nosa paisaxe, que perseguen a nosa cultura, que nos condenan a este atraso secular que segue obrigándonos a nos buscar a vida fóra da nosa terra e castigarían cos seus votos a quen o permiten e o fomentan dende o poder.

Porque se a culpa de que un petroleiro se afunda tena soamente o capitán, loxicamente non é necesario establecer un corredor de seguridade para que os barcos con carga perigosa non pasen xunto ás costas de Galicia (uns 14.000 fano cada ano), nin prohibir a circulación de petroleiros monocascos e importa pouco que a seguridade marítima se regale (como fixo este ano a Xunta) a unha empresa privada cuxa primeira medida é eliminar as gardas presenciais dos pilotos do helicóptero de salvamento para aforrar, conseguindo na súa primeira semana a cargo do servizo que unha percebeira morra no mar tras esperar 40 minutos un socorro que tería que ter sido inmediato.

E se a culpa de que o tren descarrilase tena soamente o maquinista, non fai falta solucionar que en Galicia se alternen as vías de alta velocidade coas vías ordinarias; nin instalar o mesmo sistema de seguridade que teñen en outros lugares de España, pero que o noso subdesenvolvido país só pode permitirse nalgúns tramos; nin revisar esa maldita curva da Grandeira cuxo trazado por certo realizou unha empresa que aparece nos papeis de Bárcenas...